O detonante da recuperación


A investigación sobre este camiño xacobeo ten como eixe a reseña nos libros parroquiais de San Paio de Figueroa (A Estrada) dunha anotación sobre a morte dun peregrino no ano 1784. Era un veciño de Santa Baia de Ponte Caldelas, falecido durante a viaxe de regreso da súa peregrinación. Chamábase Ignacio Taverneiro e o nome desta ruta foi posto na súa honra.

“En veinte de octubre de ochenta y cuatro, murió Ignacio Taverneiro marido de Alberta Portela vecinos de Santa Eulalia de Caldelas, recibió todos los Santos Sacramentos, y su cadáver se enterró de caridad con asistencia mía y de mi capellán en la igrexa de San Pelaio de Figueroa, no hizo disposición alguna por ser pobre de solemnidad, que venía de ganar el Jubileo del Año Santo, y para que conste lo firmo”.

Datos do Camiño entre Salvaterra e Compostela

A pesares de ser unha ruta coñecida, ata principios do século XXI non houbo ningún autor que abarcase todo o seu percorrido dunha forma clara, limitándose os traballos a tramos concretos.

Empezando en Salvaterra de Miño

No interior da fortaleza de Salvaterra de Miño, a carón da igrexa, álzase un cruceiro que ten labrada no reverso a Virxe Peregrina, que a ben seguro era uns dos primeiros lugares que visitaban os peregrinos que desembarcaban no peirao. Este cruceiro na actualidade está considerado como o punto de inicio da ruta.

De Salvaterra a Ponte Caldelas

O primeiro tramo que percorren os peregrinos ten como base unha calzada romana. Isto é algo que ocorre noutros moitos lugares nos que os camiños medievais coinciden cos trazados destas calzadas. A pesar de que estas vías foron construídas uns oito séculos antes do descubremento da tumba do Apóstolo e das primeiras peregrinacións; o acertado do seu percorrido e a súa boa fábrica, unida ao desinterese polas vías de comunicación nos seguintes séculos, fixo que continuasen sendo moi usadas.

Sobre as calzadas romanas hai numerosos estudos con resultados dispares, polo que recorremos a un traballo recente e dunha entidade de prestixio contrastado.

O proxecto Petrifying Wealth, desenvolto polo Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) baixo o financiamento do Consello Europeo de Investigación, mostra con claridade a existencia dunha calzada romana secundaria que partía de Salvaterra de Miño, pasaba por PonteareasPazos de Borbén e chegaba a Ponte Caldelas. Na imaxe móstrase á esquerda unha captura dese traballo e á dereita a mesma imaxe sombreada en cor verde para facilitar a visualización do tramo.

calzada-romana-salvaterra-pontecaldelas-burbida-ponteareas

Neste tramo hai un cruceiro da Virxe Peregrina, doce igrexas e capelas (unha delas de Santiago e dúas de San Roque), nove petos de ánimas (elementos moi vinculados aos camiños), varias pontes medievais, diversa toponimia viaria (como A Portela) e outros moitos elementos relacionados coa cultura xacobea.

Seguindo por Cotobade e Cerdedo

No libro “Los Caminos de Santiago y la Geografía de Galicia, rutas, paisajes, comarcas” escrito por María del Pilar de Torres Luna e publicado pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo 99, falando dos camiños, recóllese:

“Una derivación de esta ruta iba directamente a la ciudad de Pontevedra a través también de Tui, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Ponte Caldelas y Cotobade”.

Na obra desta prestixiosa autora establécese una perfecta conexión xacobea de Salvaterra a Cotobade, pero ao chegar a este punto, namais recolle a posibilidade de xirar para atrás e regresar en dirección suroeste ata Pontevedra. A continuidade sen esta volta cara atrás xa fora apuntada bastantes anos antes por outro autor, tamén moi recoñecido. O Padre Sarmiento, na súa obra Viaxe a Galicia (ano 1745*), escribíu:

Bajé a ver el puente de Pedre, que está cerca. Es puente sin cal, muy antiguo, de tres ojos. Creo sería el camino de los romanos de Braga a Lugo. En el borde del puente hay letras… (…).
Este puente es pasaje real, y preciso para pasar de la provincia de Tui a Los Baños y a La Estrada, y distan del puente de tres a tres leguas y media. La dirección del camino hasta el puente, viniendo por la Corredoira, anejo de Carvalledo, es de sur a norte.”

O Padre Sarmiento, ademais de citar a existencia dunha posible calzada romana por este trazado unindo Braga e Lugo, reflicte claramente a conexión viaria desde as zonas de Carballedo (núcleo «capital» de Cotobade), Corredoira, a Ponte de Pedre; e a continuación dun ramal ata A Estrada.
*(Nesa época Galicia estaba divida en sete provincias. A de Tui contaba con 38 xurisdicións, 11 coutos redondos, unha cidade e 21 vilas. A ela pertencían os actuais concellos de Salvaterra de Miño, Ponteareas, Pazos de Borbén é Fornelos de Montes. O resto dos concellos por onde atravesa este Camiño (Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Teo) estaban integrados na provincia de Santiago, que contaba con 101 xurisdicións (entre elas a de Os Baños, que chegaba a 400 metros da Ponte de Pedre), 20 coutos redondos e unha cidade.

O percorrido, ao deixar a ponte de Pedre, segue por un camiño que ben pudo formar parte dunha calzada romana, tal como decía o Padre Sarmiento; protexido por castiñeiros a un lado e ao outro, mantén un chan empedrado e segue un trazado, paralelo ó río Quireza, sen pendentes.

O tramo sae marcado en numerosas obras, como a Carta Geométrica de Galicia, definida por Domingo Fontán entre os anos 1817 e 1834 (que se axunta na imaxe).

Neste tramo polo concello de Cerdedo-Cotobade (27 km) e na prolongación ata Codeseda (+3 km) temos moitas pegadas xacobeas: unha igrexa de Santiago (con representacións do Santiago Peregrino), dúas capelas de San Roque (unha delas desaparecida fai uns anos), un cruceiro co Santiago Peregrino, dous petos de ánimas, unha ponte medieval, topónimos como a Granxa do Hospital de San Roque ou o Camiño do Vieiro…

caminos-santiago-geografia-libro-galicia-peregrinos
martin-sarmiento

O Camiño únese ao CGA

En Codeseda o Camiño de Taverneiro xúntase co Camiño da Geira e dos Arrieiros (CGA), polo que transitaban os peregrinos e tamén os transportistas medievais do viño da zona do Ribeiro, e teñen un trazado común ata Santiago de Compostela.

O mapa que máis nos gusta para ilustrar este tramo é o Geográfico del Arzobispado de Santiago. Foi publicado no ano 1825 (un pouco antes de que Fontán rematase o seu) e defíneo claramente (na imaxe móstrase tamén o tramo dende Pedre a Codeseda e recortáronse zonas para facilitar a lectura).

mapa-galicia-1825-camino-peregrinos-santiago-arzobispado

Neste tramo tamén hai numerosas pegadas xacobeas como unha igrexa consagrada a Santiago (cunha figura pétrea do Apóstolo que, con atributos de peregrino, está no exterior ollando cara Compostela para indicar a dirección a seguir); un peto de ánimas adicado “al caminante”; varios cruceiros coas figuras de Santiago e San Roque (situadas tamén como “GPS”); un lintel pétreo (do século XII) gravado con conchas de vieira; unha ábsida románica con axedrezado (taqueado jaqués), unha representación da Adoración dos Reis Magos coas imaxes enriba das súas monturas (figurando ser peregrinos durante a súa viaxe) e co San Xosé mantendo na man unha cabaza de peregrino, unha ponte medieval… e moita documentación que referencia o paso de peregrinos perante moitos séculos (xa entregada para o do expediente de oficilización do CGA).

Peregrinos no Camiño

O proxecto de investigación e promoción do Camiño de Ignacio Taverneiro non pretende situalo, en ningún aspecto, ao nivel doutros camiños moi consolidados, como poden ser o Francés ou o Portugués Central. A intención é simplemente documentar e recuperar a historia desta ruta, sexa grande ou cativa, pero da que non hai dúbida que antigamente tamén foi percorrida por peregrinos.

As investigacións sobre cantos foron e cando pasaron son laboriosas e, tal e como pasou noutras moitas rutas, van levar varios anos de traballos. Pero o que xa sabemos é que, como mínimo, foi a usada polos veciños do seu “embudo xeográfico”.

Nestes tempos nos que as cidades destacan sobredimensionadamente sobre o rural quizais, nunha primeira impresión, ao lector lle pareza escasa a poboación á que esta ruta lle quedaba «á porta da casa». Mais isto hai que velo coas “lentes” da Idade Media, cando non había axencias turísticas, aeroportos nin estacións intermodais. Referíndonos só á parte galega (a conclusión tamén podería ser extrapolada ao lado portugués) e a pesar de que desa época non hai datos fiables da distribución poboacional; simplemente coas primeiras cifras que nos ofrece o INE, de alá polo ano 1842, e as seguintes series ata a actualidade, podemos facernos unha idea da realidade poboacional e da cantidade de xente que vivía fai séculos nas proximidades deste camiño, sendo polo tanto a natural para eles.

A gráfica mostra a evolución* das porcentaxes que supoñían, sobre o total da poboación da provincia de Pontevedra, estas dúas variables:

  1. A suma do número de habitantes de seis dos concellos da provincia de Pontevedra que atravesa esta ruta (Salvaterra, Ponteareas, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Estrada).
  2. Os das dúas principais cidades da provincia (Vigo e Pontevedra).

(*Nas anualidades nas que o INE diferencia datos entre poboación “de feito” e “de dereito” as cifras mostradas son a media das dúas. No período abarcado houbo concellos que variaron os límites do seu territorio, pero este feito non se tivo en conta, usándose as cifras definidas polo INE para cada ano).

Na actualidade as dúas grandes cidades supoñen o 40% da poboación provincial e a suma dos seis principais concellos do Camiño de Taverneiro só o 7%; pero no ano 1842 eses contornos urbanos soamente representaban un 4%; mentres que a suma deses seis concellos alcanzaba o 18%.

A tendencia que se pode apreciar nas dúas variables, e a pesar de non haber datos máis antigos para resaltala aínda máis, non deixa lugar a dúbidas. Este camiño, na actualidade, apenas ten poboación asentada á súa beira, pero no pasado non era así, sendo a ruta natural para centos e centos de persoas, incluso sen contar as de Portugal; que sen dúbida era o que percorrían para peregrinar a Compostela.

Nos próximos meses serán publicados máis datos sobre os peregrinos que o percorreron antes do século XXI.

A recuperación

O actual proceso de recuperación iniciouse sobre o ano 2004 e conlevou o estudo de gran cantidade de documentación da que xurdiron varias posibilidades de percorrido. Sobre o ano 2020 acadouse a definición dun trazado único, pero que tiña moitas zonas nas que as obras públicas modernas e o abandono dos camiños tradicionais imposibilitaban que fose percorrido polos peregrinos.

Ano 2021

Durante o ano 2021 foise adaptando o trazado ás circunstancias actuais, lévanse a cabo os primeiros desbroces na ruta, inícianse os contactos cos concellos implicados e empézase a coordinar o paso dos primeiros peregrinos.

Ano 2022

  • O 27 de xullo de 2022 chega a Santiago de Compostela o primeiro grupo de peregrinos que percorren este Camiño. Trátase de 90 xóvenes da parroquia madrileña de San Xorxe.
  • En setembro de 2022 fílmase reportaxe para o programa Vivir Aquí da TVG.
  • O 24 de outubro de 2022 publícase a primeira versión en papel da «Guía do percorrido e patrimonio».
peregrinos-camino-taverneiro-ignacio-madrid-ponteareas-ponte-caldelas-borben

Ano 2023

  • Durante o mes de setembro de 2023 a Deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, tras coordinarse cos concellos implicados, mostra o apoio da Deputación a esta ruta e inícianse os trámites para a declaración como Vía Cultural.
  • Repíntanse as frechas e mellórase a sinalización.
  • O Camiño é percorrido por varios grupos de peregrinos a pé, en bicicleta e tamén en cabalos.
deputacion-pontevedra-concellos-camino-taverneiro

Ano 2024

  • Presentación en Fitur da man de Turismo Rías Baixas.
  • Repíntanse as frechas do Camiño.
  • Investíganse tramos de camiños vellos para recuperar o paso por eles.
  • Deséñase material promocional (colaboran a Deputación de Pontevedra e os concellos implicados).
  • Consolídase o goteo de peregrinos.
fitur-deputacion-pontevedra-concellos-camino-taverneiro
pintar-flechas-amarillas-camino-santiago-pintura-sprai

Anotación: O proxecto de recuperación do Camiño de Ignacio Taverneiro soamente abarca o territorio galego.
Sobre os posibles enlaces provintes do territorio portugués temos algo de información nesta sección.