Vía Láctea avanza hasta Ponte Caldelas

O sábado 1 de marzo o grupo do club de montaña Vía Láctea percorreu a etapa desde Pazos de Borbén ata Ponte Caldelas. Se queres acompañalos nas súas próximas etapas podes contactarlles no mail inscricions@clubvialactea.com ou no Whatsapp:604091325.

M. Jesús Iglesias describe así a etapa:

Este sábado, cando soou o espertador, o primeiro que pensei foi: «Xa fai falta ter ganas de ver mundo e faltarnos un tornillo, para ser tan matados de levantarnos ás 6 da mañá, un sábado que podíamos quedar na cama, tan ricamente.»
Desta vez, tocaba a terceira etapa do Camiño de Ignacio o Taverneiro. Pazos de Borbén-Ponte Caldelas, co Club Vía Láctea.
O percorrido pasou polos lugares e parroquias de
San Adrián de Calvos: Onde teñen unha Igrexa super chula e onde nos confundimos de camiño ó ir lereando e un matrimonio moi amable que estaba segando no xardín, nos advertiu da nosa confusión.
Barbudo: Encantoume polas súas vistas ó val, polas casas Indianas, polas solainas das vivendas, polas ovellas e cabalos pacendo e pola señora duns 90 anos, que atopamos cun fouciño na man, baixando na costa. Esa costa, que nos estaba custando subir por empinada e que ela xa estaba facendo de volta. Impresionante a súa cordura mental e condición física extraordinaria.
Rebordelo: Co seu peto de ánimas e a casiña coas amacas colgadas na entrada.
Moscoso, A Insua, Cobelo, Gorgoreiro, foron outros lugares polos que pasamos, pero que son incapaz de porlle nome nas fotos por medo a meter a zoca.
Sorprendéronme a beleza dos balados facendo terrazas nos vales, as fontes desbordantes de auga, os cruceiros a cada paso, ver un cemiterio no bico da aldea, a abundáncia de hórreos pequenos, fermosos e descoidados. Os limoeiros, pomelos e laranxeiras, cargadiños de froito. As Casonas señoríais de antaño con palmera incluida, buscando dono.
Os ríos coma o Oitaben, que producen corrente, coa monumental Presa das Eiras ou o Verdugo, con balneario de augas medicinais incluido, ó seu paso por Ponte Caldelas.
Ó final rematamos a xornada pillando o bus, para ir xantar á Casa Malleiro, na Lama, onde comemos cocido e disfrutamos do Antroido cos nosos disfraces.
Unha xornada super-enriquecedora, que ben mereceu o madrugón.
Deixo fotiños, para que vos fagades unha idea do que foi o percorrido. Disque era pouco lucido por ter moito asfalto pero eu intentei buscar o xeito de facelo interesante, (polo menos para min).