Unha das accións máis divertidas para recuperar o Camiño de Ignacio Taverneiro é a investigación sobre o terreo do trazado dos camiños antigos. Para iso hai que percorrer miles de metros cada xornada e ás veces por zonas tan pechadas de maleza que é moi complicado decidir se é mellor seguir cara adiante ou regresar e volver sufrir o «ataque» da vexetación. Pero cando o esforzo se ve recompensado polo achado dun tramo de calzada empedrada como o da primeira foto, todo vale a pena; tanto a investigación previa como as picadas sufridas.
O musgo e o inaccesible da zona certifican que non é nada frecuente que os animais de dúas patas que non temos ás pisemos na actualidade estas pedras; pero a estampa deixa claro que hai moitos anos isto non pasaba.
O sudor que conlevou a construción deste firme só se xustificaba coa previsión dun uso constante.
Sen dúbida estamos no camiño correcto, outra cousa é que logremos salvar os obstáculos (propiedade, desbroce e burocracia) para incorporar estes tramos ao itinerario que marcamos para os actuais peregrinos.


