O Alcalde de Cerdedo-Cotobade acaba de anunciar que xa remataron as obras do albergue de peregrinos de Carballedo:

A empresa local Construcciones Pablo Moreira acaba de rematar coas obras que transformaron o vello refuxio de pescadores da área fluvial de Carballedo nun moderno e funcional albergue de peregrinos da Vía Mariana e do Camiño de Taverneiro. Poderán usar estas instalacións ata 8 persoas á vez e axudará a fomentar o turismo verde e sostible que cada vez está máis de actualidade e para o que nos estamos preparando conscientes do dinamismo económico que nos pode aportar nun futuro inmediato.
Nesta obra investimos uns 70.000 euros e aproveitamos para poñer a zona en valor e instalar un parque biosaludable para que aquelas persoas que o desexen poidan facer exercizo no entorno da área recreativa fluvial de Carballedo.

O percorrido do Camiño de Ignacio Taverneiro ven da zona de Ponte Caldelas e segue cara A Estrada. A Vía Mariana ven da Cañiza e segue cara Campo Lameiro; coincidindo ambos trazados durante uns 2 km entre Loureiro e Carballedo.
A elección do sitio foi moi acertada e cunha soa inversión vaise lograr dar servizo ás dúas rutas. Un gran esforzo do Concello que vai permitirlles aos peregrinos pasar a noite con todas as comodidades, ademais de poder repoñer forzas nos establecementos hosteleiros que hai nas inmediacións.