Promocionar o turismo ecuestre de interior e dar visibilidade aos camiños cara a Santiago que pasan pola comarca de Tabeirós é o gran obxectivo dun roteiro cabalar organizado pola asociación Rapa das Bestas durante a Semana Santa. Unha ducia de xinetas coas súas monturas tomaron a saída en Salvaterra do Miño o pasado xoves, alcanzando a capital de Galicia na mañá do domingo.

Polo medio quedaron catro etapas máis suaves do esperando, percorrendo o trazado marcado polo Camiño de Taverneiro. Trátase dun novo roteiro Xacobeo que comezou a darse a coñecer. Na súa primeira xornada os xinetes completaron 59 quilómetros de roteiro para facer noite en Ponte Caldelas. O venres os participantes avanzaron 38 quilómetros para chegar a durmir ao albergue de Sabucedo. Ao día seguinte cruzaron o centro urbano da Estrada e deixaron os seus cabalos durmindo nunha leira privada en Cacheiras, volvendo eles de novo a Sabucedo. O domingo, retomaron o seu camiño para entrar na praza do Obradoiro á primeira hora. Desta maneira fixeron historia como os primeiros en realizar este roteiro dacabalo.